Thursday 19 de September de 2024

O Concello insta á Xunta á construción dunha rotonda en Montrove cedéndolle o solo necesario


Para eliminar os semáforos de Montrove, que crean importantes retencións diarias a numerosos cidadáns, o Concello vai cederlle á Xunta de Galicia o solo necesario para que constrúa unha rotonda neste punto, dado que a estrada é de titularidade autonómica. Así llelo vai comunicar mañá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, á nova conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, nunha reunión en Santiago.

Ademais deste asunto, o alcalde vai solicitar información do estado no que se atopa a obra da vía Ártabra e as previsións que hai para o reinicio da obra. Tamén reclamará a necesidade de construción de beirarrúas en Nós, na avenida Salvador Allende, e en Mera, desde a Igrexa de Serantes ata O Cubo.

En relación á vivenda e ante o anuncio da Xunta de construír vivendas protexidas por toda Galicia, desde o Concello ofreceráselle á Consellería de Vivenda tres parcelas de propiedade municipal: dúas na praza da Rabadeira en Oleiros e unha na nova urbanización do centro de Mera.

O Concello vai ofrecerlle o solo á Xunta rebaixando o prezo de venda para que o Goberno autonómico constrúa as vivendas, o que pode facer de inmediato xa que as parcelas están completamente urbanizadas.

Serían 19 vivendas en Oleiros e 15 en Mera. Estes pisos serían a maiores das outras 150 vivendas protexidas mediante cooperativas.